Thursday 25 de April de 2024

Recepción á nena saharauí que desfruta na Pobra das súas Vacacións en Paz


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), recibiron hoxe a nena saharauí que pola primeira vez pasa o verán na localidade ao abeiro do programa Vacacións en Paz, que organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en colaboración coa Administración local pobrense mediante un convenio.

Procedente dos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxeria), Asma, de 8 anos, comezou a súa estadía temporal no municipio a mediados de xullo e concluirá a inicios de setembro.

A edil explicou que o dito programa ten dous obxectivos fundamentais: a vertente humanitaria coas familias acolledoras que facilitan asistencia médica, alimentación saudable e equilibrada, ofertan alternativas de ocio e tempo libre e contribúen a perfecciona-la aprendizaxe da lingua galega e castelá, entre outras cuestións; ademais da dimensión política, pois “estes nenos son embaixadores da causa saharauí. Veñen aquí de vacacións porque non o poden facer no seu país, o Sáhara, porque está ocupado por Marrocos”, matizou. Cerecedo quixo tamén traslada-lo apoio ao goberno saharauí e á Fronte Polisario.

Pola súa parte, o rexedor puxo en valor este tipo de accións que contribúen a achega-lo grao de area para a resolución da problemática existente nesta rexión do norte de África. “As persoas que temos capacidade de decisión nesta sociedade poidamos loitar para que algún día poidan vir simplemente de vacacións e sen ese apelativo de en paz”, declarou.

Quixeron tamén agradece-la implicación da familia acolledora e animaron a que máis persoas participen nesta iniciativa en futuras convocatorias. Deseguido entregáronlle a Asma varios presentes por parte do Concello.